Presentación de “Fiz Vergara Vilariño” en Sarria

Categoría: Nova

O día 14 de novembro, ás 20:00 h, celebrarase a presentación de Fiz Vergara Vilariño. Non deixes que a tardiña me sorprenda, unha antoloxía poética editada por Yago Rodríguez Yáñez, na Casa da Cultura de Sarria. Acompañando ao editor, asistirán Francisco Castro, Director Xeral de Editorial Galaxia, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a concelleira de Cultura, Reyes Abella e Eduardo Rey, profesor do IES Gregorio Fernández (Sarria).

Velaquí un traballo necesario que estabamos a agardar dende hai tempo e que nos ofrece, da man de Yago Rodríguez Yáñez, a escolma poética definitiva de Fiz Vergara Vilariño, quen, ademais, analiza con profusión no estudo que abre o volume.

Poucos poetas da importancia de Fiz Vergara Vilariño para entendermos a nosa poesía actual, pois non son poucas e poucos os que viñeron detrás e que, sen dubidalo, recoñecen no poeta do Val de Lóuzara un referente esencial.
Un libro para coñecer o poeta e para ler o poeta.
O poeta Fiz Vergara Vilariño naceu e morreu na parroquia de Santalla de Lóuzara, no concello lugués de Samos (1953-1997). Formou parte do colectivo Cravo Fondo. A súa poesía tiña inicialmente un marcado carácter social, que foi logo derivando cara a un maior intimismo. Da primeira época son Para vós (1971) e Encontro cos tiburós (1973).
A poesía paisaxística, amorosa e existencialista predomina desde Orfo de ti en terra adentro (1976). Desta tendencia son os poemarios Poeta muiñeiro á deriva (1982), Nos eidos da bremanza (1990), Pastora de sorrisos (1993) e o póstumo Animal sen fel (1998).

Comparte nas túas redes sociais ou por email