O día 14 de decembro, ás 20:00 h, celebrarase, no salón de actos do Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, a presentación do libro Desvendado, de Manuel Pombo Arias.
Acompañando o autor, asistirá Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
O acto contará con todas as medidas de seguridade.
Desvendado, de Manuel Pombo Arias, é unha edición que contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Libro non exento de crueldade para quen o escribe, esta obra pretende deixar testemuño dunha época de Galicia, onde te atoparás co mundo e a vida do autor, que non reparou en buscar nos fondos máis secretos do seu ser para ir máis aló da simple literatura e indagar dentro dos segredos que todos levamos dentro, para así vertelos nestas páxinas, que se apartan do arquetipo convencional e que nos arrastran ata chegar á última liña.
Manuel Pombo Arias (Sarria, 1943) é catedrático de Pediatría e profesor Ad Honorem da Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito literario publicou, en castelán: Haikus de los escritores muertos (2001), Pomberías (2003), El centeno nace bajo el invierno (2005), Trazos sin rumbo (2006), Nuevas pomberías (2008), Cuentos propios y extraños (2011) e El hombre que no entendía a las mujeres (2016).