Presentación de “Corazón de manteiga”, en Vigo

Categoría: Evento

O día 15 de decembro, ás 20 h, celebrarase, na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, a presentación de Corazón de manteiga, de Xavier Queipo.
Acompañando o autor, asistirá o escritor e docente Manuel Forcadela e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Como o aforo é limitado, recoméndase confirmar asistencia no seguinte correo:
galaxia@editorialgalaxia.gal
O acto contará con todas as medidas de seguridade.
Nesta novela, o autor ofrécenos unha viaxe ao corazón de Mauro, o protagonista desta historia. A través da súa escrita, achegámonos a un rapaz que goza dunha nenez fantástica, inzada de soños e que despois vive unha mocidade de dúbidas e desterro interior para, finalmente, iniciar a madureza cunha espiral de tormentos e inseguridades. Cunha escritura que vai mudando desde o relato naturalista á memoria esnaquizada, Xavier Queipo cóllenos da man para amosarnos a historia dunha vida marcada pola diferenza. A través das súas verbas, facemos un percorrido pola memoria, os recordos e os sentimentos de Mauro.

Lendo esta obra, atravesamos unha existencia condicionada por unha dúbida terrible. Unha pregunta que asolaga a alma do noso protagonista que xunta as forzas que lle quedan para vindicar, neste libro, unha experiencia que ninguén cre. Accedemos á realidade dun home engaiolado en si mesmo, un universo propio que non deixará indiferente a ninguén.
Esta é unha novela para ler co corazón. Narrada cunha prosa precisa, coa tensión necesaria para deixar de lado a convención literaria e a estreitez existencial.
Xavier Queipo (Compostela, 1957) escribe e publica regularmente en galego desde 1990. É autor, entre outros libros, de Ártico e outros mares (relatos, 1990); Ringside (relatos, 1993), O paso do Noroeste (Premio García Barros de Novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (novela, 2001); O ladrón de esperma (relatos, 2001); Os ciclos do bambú (relatos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (literatura infantil, 2005); Dragona (novela, 2007); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (relatos, 2011), Extramunde (Premio Xerais de Novela 2011), Os kowa (Premio Blanco Amor 2015) e, xunto con Ramón Neto, do poemario Minutos para medianoite (2019). Membro do Dichterscollectif van Brussel desde 2007. Premio da Crítica española en 1991 e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao Autor do ano 2011. Participou en numerosos libros coletivos e antoloxías, traduciu do francés a Amin Maalouf e Hervé Guivert e, do inglés, a Joseph Conrad e James Joyce.

Comparte nas túas redes sociais ou por email