O mércores 21 de setembro, celebrarase, ás 19:30 h, no Arquivo da Deputación de Pontevedra, a presentación de Castelao. Plástica e pensamento. 1903-1916, de Xesús Andrés López Piñeiro.
Acompañando o autor, estarán María Ortega, Deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, o prologuista do libro, Xosé Manuel Pazo Blanco, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Xesús Andrés López Piñeiro entrelaza, neste volume, a obra e o pensamento dunha das figuras máis importantes da nosa terra.
Castelao é un dos referentes de Galicia, tanto no eido político como no literario, mais tamén na plástica, onde se converteu no elo necesario para conquistar o papel relevante que a xeración dos Novos tivo entre a arte europea, e foi dos poucos que soubo ver o papel do realismo na arte e que pelexou a contracorrente contra o costumismo.
Xesús Andrés López Piñeiro (Pontedeume, 1947). Estudou Maxisterio e exerceu a docencia na Coruña e Ferrol, para logo licenciarse en Historia, na especialidade de Arte en 1976. Colaborou en A Nosa Terra como crítico de arte e publicou A paisaxe da Nación (2017), sobre o nacemento da pintura de paisaxe, expresión plástica do xurdimento do nacionalismo entre 1912 e 1930.