Presentación de 2 obras inéditas Manuel García Barros

Categoría: Nova

O sábado 27 de xuño, ás 18 h, celebrarase, na Praza do Mercado da Estrada, a presentación de Aventuras de Alberte Quiñoi e Estampas desde o val, de Manuel García Barros. Acompañando aos editores Carlos Loureiro e Xesús Domínguez Dono, asistirán ao acto, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, o alcalde da Estrada, Xosé López e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Contará coa actuación da Ce Orquestra Pantasma, amenizando o acto.
Contaremos con estritas medidas de seguridade, polo que pregamos acudan 30 minutos antes do acto provistos de máscara e respectando as distancias obrigatorias.
Entrada libre ata encher o recinto.
Coa meticulosidade dun etnógrafo e o verismo das propias vivencias García Barros ofrécenos nas Aventuras de Alberte Quiñoi (as súas aventuras), un retrato do correr dos días nunha aldea galega do val do Ulla, nos últimos anos do século XIX, a través das trasnadas e aconteceres do cativo Alberte, onde amosa un profundo coñecemento do país.

Unha obra escrita con intelixencia e fonda sensibilidade, que supera o costumismo a través do humor e cunha forte carga irónica no tratamento de costumes e dos temas relixioso e idiomático. Un espello da vida de gran valor etnográfico e unha crónica miúda dos días e dos oficios. Un retrato de nós.
Estampas desde o val recolle unha selección de artigos de temática heteroxénea que Manuel García Barros deu á prensa entre 1901 e 1963, coa pretensión de ofrecer un panorama amplo da súa produción xornalística, fundamental para un mellor coñecemento do seu pensamento, moitas veces esquecido e silenciado, e que non deixa de ser un elo máis na cadea da nosa Historia desde a óptica e protagonismo dun galeguista “carente de xestos inúteis, pero co alento aquecido por unha baril actitude de cerne galeguidade”, como o definiu o seu amigo e compañeiro de estadía no cárcere, Francisco Fernández del Riego.
Manuel García Barros. Mestre e labrego que naceu en 1876 en Berres (A Estrada) e morreu en 1972 en Callobre (A Estrada). Realizou estudos de Maxisterio. Foi fundador e director do xornal El Estradense (1906). Asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticaciquís. Debido ás súas ideas galeguistas e progresistas, tivo problemas coa xustiza, chegando a ser encarcerado en varias ocasións, coincidindo na prisión de Pontevedra con Fernández del Riego en 1955. Da súa creación destacan a obra teatral Carta da Habana, estreada en 1926, Contiños da Terra(1931) e a novela As Aventuras de Alberte Quiñói, que rematou de escribir en 1942 e só vería a luz postumamente. Tamén a colección de relatos inéditos Enredos e a miscelánea autobiográfica Dos meus recordos foron publicados logo da súa morte. Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email