Presentación de 'O sexo masculino dos anxos' de Manuel Janeiro na Guarda

Categoría: Nova

A libraría LIBRAIDA e a Editorial Galaxia organizan a presentación do libro "O SEXO MASCULINO DOS ANXOS" de Manuel Janeiro en Gondomar.
O acto celebrarase o xoves, 6 de marzo, ás 20:30 na libraría

Neste novo traballo de Janeiro, o desenvolvemento do relato comeza na década dos 70. Unha época na que se fragua a sustancia dos anos futuros. Na que os protagonistas soñaban esperanzados co novo que os agardaba. E na que o aura da mocidade corrixía as miserias dun entorno desolado.
Estamos diante dunha novela extraordinariamente lúcida, divertida, melancólica, irónica, culta, sobre dous entrañables tolos aos que só a dor da madurez tráxica lles castíga coa cordura.
Presenta o acto, acompañando ao autor, a profesora e recoñecida autora de literatura xuvenil, Lola Gándara

Manuel Janeiro (Madrid, 1951), profesor, escritor e deseñador, despregou unha ampla actividade en variados campos da creación. No eido da gráfica editorial e o audiovisual foi responsable da imaxe das editoriais Galaxia e Gredos e autor, a partir dos seus propios guións, de dúas obras sobre o traballo de dous arquitectos: Mínimo (2003) e As persoas do verbo (2004). Como poeta, publicou Primera edad (1977), Poemas sobreros (1989) e Ensayos para el habla (2009); como narrador, Pucho o habitador dos tellados (IBBY, 2007) e A fada das lapas (Galaxia, 2008), ademais dunha incursión na literatura infantil con A abella abesullona (Galaxia, 2009). O sexo masculino dos anxos (Galaxia. Literaria, 2014) é a súa última obra en prosa. Unha novela coa que sube un chanzo máis que o leva a se converter nunha das voces máis singulares da nosa literatura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email