Onte, na coruñesa librería Moito Conto, a escritora Paula Carballeira, acompañada polo músico Suso Cortegoso e polo editor Francisco Castro, presentou o seu novo traballo, o poemario NUNCA MASCOTAS, que publicamos na Colección Costa Oeste destinada ao público xuvenil.
O editor destacou, diante dun auditorio cheo, a importancia que, en xeral, ten a obra de Paula Carballeira no catálogo de Galaxia e, sobre todo, este novo libro de poemas orientado á mocidade, un chanzo de idade moitas veces esquecido polas editoriais no qua a edición de poesía se refire.
Logo, amigas e amigos, familiares, o propio editor, e, sobre todo, Paula Carballeira, foron lendo, baixo do paraugas musical de Suso Cortegoso, distintos poemas deste libro que fala de animais, de persoas e, como di a autora, deses animais que están dispostos a dar a cara por nós.