Ler a Paul Auster en galego no seu 70 aniversario

Categoría: Nova

Paul Auster é un dos grandes narradores, un deses escritores de culto para millóns de lectores e lectoras, pero tamén para a crítica. Antes que escritor foi un lector voraz, e entre as súas lecturas estaban os clásicos como: Dostoievski, Edgard Allan Poe, Nathaniel Hawthorne, Kafka, Beckett, Shakespeare e, especialmente, El Quijote, de Miguel de Cervantes, do que chega a dicir que é o seu libro preferido.
Paul Auster estudou Lingua e Literatura inglesa na Universidade de Columbia e viaxou por toda Europa antes de comezar a traballar, experiencias que deixaron un pouso importante no escritor.
A “marca Auster” vén dada polas historias cribles que se desencadean con feitos insignificantes, por iso é considerado o escritor do azar e da continxencia, porque todo parece marcado polo inesperado, por acontecementos que non parecen ter importancia. Este aspecto pono en relación con outros autores de referencia como Julio Cortázar ou Orhan Pamuk, do que tamén temos a súa obra en galego.
Cando un remata de ler unha novela de Paul Auster non agarda un final pechado, porque case nunca o ten, son historias laberínticas narradas con precisión e elegancia, onde nada parece sobrar, onde todo é necesario para o desenvolvemento da historia. Os personaxes son seres intrascendentes que viven marcados pola traxedia, pola tristeza, pola enfermidade e que en ocasións conseguen liberarse a través do amor.
Outros motivos que case sempre aparecen nas novelas de Auster son: o gusto polo desdobramento, a metáfora do espazo, a cidade convertida case en personaxe literario ou a busca da identidade que tanto obsesiona o autor. Nas súas obras hai sempre ese interese polo coñecemento máis profundo de un mesmo, coñecemento que se consegue a través da palabra. A de Paul Auster está en galego tamén e na nosa lingua poden lerse sete das súas novelas, así que celebrémolo lendo!

Comparte nas túas redes sociais ou por email