Pantallas: o novo poemario de Celia Parra

Categoría: Nova

Celia Parra (Ourense, 1990) publica en 2009 o seu primeiro poemario, No berce das mareas, Premio Avelina Valladares, e despois de pasar varios anos en proxecto interdisciplinares de todo tipo, regresa agora ao formato libro con Pantallas case unha década despois. Polo camiño publicou poemas en revistas como Dorna, Luzes, Oculta Lit e en xornais como O Salto Galiza, e a súa obra foi escolmada nas antoloxías No seu despregar (2016) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017), dúas das máis recentes radiografías sobre o panorama da nova poesía galega.
Como autora interésase pola hibridación da poesía con outros formatos e especialízase en videopoesía, como creadora, investigadora e docente. Impulsora e produtora executiva do documental Versogramas, publicado na nosa colección Libro-Cinema e considerado o primeiro arredor do xénero, os seus videopoemas propios recibiron diversos recoñecementos a nivel internacional.
Celia Parra é, dende logo, unha das voces poéticas máis interesantes da súa xeración. Sempre disposta a experimentar coa linguaxe e a buscar novos camiños de expresión. Neste novo poemario, a autora accede ao dicir poético dende a realidade cotiá das pantallas, os códigos binarios, a virtualidade e as memorias sempre difusas, inmediatas e volátiles, dos trebellos electrónicos que nos circundan e fan ser a clase de almas que agora somos. Unha voz poderosa en clave de bit poético.
Se queres saber máis sobre o libro ou a súa autora, non deixes de acompañarnos nas presentacións de Pantallas o venres 21 de setembro ás 20:00h na librería Sisargas da Coruña, e o venres 5 de outubro ás 20:00h na compostelá Numax.

Comparte nas túas redes sociais ou por email