Pakolas resulta gañador do XIV Premio Rosalía de Castro da lingua pola Deputación da Coruña. É nomeado tamén nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música infantil.
O rockeiro acaba de editar no pasado mes de abril o seu terceiro traballo en solitario A Ramona pequena vai á lúa, publicado na Editorial Galaxia, coas ilustracións de Laura Romero.
‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ na categoría de iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade é a proposta gañadora dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. O xurado escolleu a Pakolas por considerar que “utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua”. O informe do xurado tamén indica que “non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura”. ‘Pakolas’ é o músico e narrador Paco Cerdeira en formato solitario, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.
O músico tamén se atopa na listaxe de finalistas dos 10o Premios Martín Códax da Música, na categoría de Música Infantil, que se resolverá na gala dos premios que se celebrará o día 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, co patrocinio e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra
Pakolas defínese como rockeiro, creando música para todos os públicos, dende os máis miúdos ata toda a familia, “música para todos e todas e letras axeitadas aos máis cativos e cativas”. Despois da edición dos librodiscos de “Pakolas” no ano 2017, e de “Ramona Órbita a dona do tempo” en 2020, e da formidable acollida por parte do público agotando a súa primeira impresión en tan só 5 meses, o músico acaba de editar no mes de Abril de 2023 “A Ramona pequena vai á Lúa” o seu terceiro libro en solitario, da man da Editorial Galaxia (Sonárbore). Nesta ocasión a editorial chega con novidades no formato, editando en LibroQR este novo álbum musical, que contén dez novas cancións e tamén un conto.
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas aventuras. A edición do libro dispón de 2 códigos QR, un deles para a escoita e descarga das cancións, e outro para descarga de material de traballo e unidades didácticas dispoñibles tanto para os escolares como o público xeral.
Paco Cerdeira comezou os seus pasos como membro de Mamá Cabra, e tras case dez anos formando parte desta formación, en 2014 decide formar unha banda de música infantil, e nace así A Gramola Gominola, que conta xa con tres libro-discos editados por Sonárbore (Ed Galaxia), “A Gramola Gominola” (2015) do que é autor de tódalascancións, “Cancións para desafinar” (2017) e “Bravas. O rexurdir da luz” (2019), nos que conta cunha gran parte das composicións. A finais do ano 2015 comeza a artellar o seu proxecto persoal e nace así a proposta de “Pakolas” naque segue a traballar para os cativos con letras e composicións propias. O seu primeiro traballo en solitario sae á luz en novembro de 2017, un libro-disco editado pola Editorial Galaxia na súa colección Sonárbore, co seu nome“Pakolas”, e conta con dez cancións en galego feitas en colaboración e co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. En 2020 estrea na mesma colección, o álbum “Ramona Órbita, a dona do tempo” Agora en 2023, e na mesma colección Sonárbore, sae editado este seu terceiro libro musical libro titulado “A Ramona pequena vai á Lúa”.
Os seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, coa ESTREA de novas montaxes escénicas e musicais baseadas no novo álbum. Continúa a súa xira por toda Galicia neste 2023