O álbum de Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado, publicado por Editorial Galaxia, recibiu o VI Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado nun encontro que puxo en valor o folclore galego e a lectura en familia.
O Salón de Plenos do Concello da Estrada acolleu este mércores, 21 de outubro, ás 11 h, a presentación en rolda de prensa de Paio e o Gatipedro, obra gañadora do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2026.
No acto, no que tamén se fixo entrega do galardón, participaron Milagros Torrado Cespón, autora do texto, e Laura Pérez Delgado, responsable das ilustracións, acompañadas por Gonzalo Louzao Dono, alcalde da Estrada; Lucía Seoane, concelleira de Cultura; e Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos de Editorial Galaxia. Canda elas estivo tamén Roque, o neno que inspirou esta historia.

A xornada serviu para destacar o valor da creación en galego e o papel do álbum ilustrado na transmisión do noso patrimonio cultural. Paio e o Gatipedro achega ás novas xeracións unha figura da tradición oral a través dunha historia tenra, na que a imaxinación e os afectos ocupan un lugar central.
Paio esperta coa cama mollada. O avó, a avoa e a súa irmá bótanlle a culpa, pero el teno moi claro… foi o Gatipedro, unha criatura con corpo de gato, lingua longa e un corno de auga! Así comeza unha aventura que convida a acompañar o protagonista na súa procura e a descubrir unha das criaturas do folclore galego.

Pensado para compartir en familia, o álbum abre un espazo de encontro entre xeracións, no que a lectura pode dar paso ás preguntas, ás lembranzas e ás historias transmitidas de viva voz. A súa proposta conecta ese imaxinario compartido coa creación contemporánea, ofrecendo novas maneiras de coñecelo e mantelo vivo.
A obra foi escollida por unanimidade polo xurado, que destacou a súa capacidade para poñer no centro o folclore galego, cunha linguaxe propia e unha historia envolta nun mundo de ensoñación. Salientou tamén a estética coidada e a excelente paleta de cor, nunha proposta na que texto e imaxe camiñan da man.
Milagros Torrado Cespón (Boiro, 1983) é escritora, docente e investigadora, autora de diversos traballos sobre a cultura, o folclore e a tradición oral galega. É unha das fundadoras da Asociación Cultural Barbantia e cofundadora de BarbanTEA. Laura Pérez Delgado (Madrid, 1987) é ilustradora, con formación en gravado, deseño gráfico e educación infantil, e traballa como libreira en Boiro. Ambas colaboraron tamén en Vítor é autista, escrito por Milagros Torrado Cespón e Rosa Araújo e ilustrado por Laura Pérez Delgado.
Durante o encontro, o Concello da Estrada anunciou que nas vindeiras semanas convocará a sétima edición do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, dando continuidade ao apoio á creación e á literatura infantil en galego.