Os máis vendidos de 2012

Categoría: Nova

O ano 2013 xa navega con toda a forza dun temporal que, coma o de hoxe, pasa a súa vasoira de vento por toda Galicia. Por iso é tempo de pechar o anterior de todo anunciando as principais novidades que sairán do noso prelo, como fixemos onte, e recapitular cales foron os máis lidos do ano pasado.
Así, na tabela de vendas da nosa editorial, atopámonos en primeiro lugar o novo libro de Benigno Campos, 'Volve a cociña de larpeiros', que coloca tamén no terceiro o seu 'Novas receitas da cociña de larpeiros' e, no quinto, 'A cociña de larpeiros', o que converte ao cociñeiro vigués en toda unha referencia da cociña do noso país.
O segundo lugar é para todo un clásico das nosas letras, as 'Memorias dun neno labrego' de Xosé Neira Vilas.
O cuarto e sexto postos son para as historias protagonizadas polo detective Leo Caldas, froito da fecunda imaxinación de Domingo Villar en 'Ollos de auga' e 'A praia dos afogados'.
O sétimo posto é para o libro-disco-dvd que probablemente máis se cantou e bailou en todo o país, pois 'María Fumaça' non só chegou a moitos fogares senón que a xira que fixemos por todo o país, fixo que chegase aínda a moitos milleiros máis.
Outro libro infantil, 'Chamádeme Simbad', de Francisco Castro, ocupa o oitavo posto, xusto por diante de 'A Esmorga' de Eduardo Blanco Amor e os 'Bicos de música' de Mamá Cabra, o novo e esperadísimo traballo do popular grupo de música infantil.

Comparte nas túas redes sociais ou por email