Estes días chegarán ás librerías dous novos títulos da colección "Pimpín, por aquí non vin", serie de libros-acordión ilustrados por Jacobo Fernández e que trala publicación de "O nadal", "O samaín" e "O magosto", pretenden achegar dun xeito lúdico e interactivo as nosas tradicións aos máis pequechos da casa.
Nesta ocasión chegan "Os Maios" e "O San Xoán", dúas das nosas festas máis fermosas e máis relacionadas coa luz, coa vida e coa renovación da natureza. Como no resto dos libros da colección, por unha banda atopamos que as páxinas se despregan, a xeito de acordión, en sete partes que son ocupadas por unha enorme ilustración que conten, sobre todo, unha chea de historias para "ler" nas imaxes cos pequechos. Ao mesmo tempo, toca pescudar onde está agochado o fedello Pimpín que se oculta en todos os libros da colección.
Por outra banda, os pais e as nais teremos ocasión de aprenderlles as primeiras palabras ás crianzas ao tempo que aprenden tamén o significado desas festas populares que son tamén a rutina festiva da vida.
A colección conta xa con seis títulos e promete seguir medrando para goce de todos.