Os editores reuníronse no Galeúsca 2014 en Donosti

Categoría: Nova

Os editores vascos, cataláns e galegos reuníronse durante tres días no tradicional Galeúsca que este ano se celebrou en Donosti.
De seguido, as conclusións asinadas por todos e todas as participantes:

Editores en lingua catalá, galega e vasca, reuníronse en Igeldo os dias 11, 12 e 13 de Xuño nos encontros GALEUSCA de editores, organizados por Euskal Editoreen Elkartea, en colaboración coa Associació d'Editors en Llengua Catalá, a Associació d'Editors do Pais Valenciá e a Asociación Galega de Editores.
Os editores reunidos en Galeusca, que aglutinan a 185 empresas editoras, cuxa produción anual é de entre dez a once mil títulos entre as tres linguas, chegaron durante estas xornadas ás seguintes conclusións:
1. Estamos preocupados pola evolución descendente do mercado e reivindicamos a nosa achega ao sostenimiento da diversidade cultural fronte ás tendencias uniformizadoras do Estado español.
2. Neste sentido, reclamamos unha colaboración máis decidida das Administracións públicas. A experiencia estanos demostrando que son posibles incrementos nos orzamentos públicos compartindo riscos co sector editorial.
3. A edición dixital require dun novo marco legal e unha concienciación social que permitan a xeración dun modelo de negocio sostible.
4. Compartimos que os diferentes modelos de préstamo dixital que se están poñendo en marcha por parte das redes de bibliotecas públicas deben ser acordados co noso sector e avaliados periódicamente. Así mesmo, consideramos que os recursos públicos deben destinarse principalmente á adquisición de contidos.
5. Consideramos que non hai cultura sen tradución. Constatamos que existe un déficit na incorporación da literatura universal ás nosas linguas. A publicación de traducións require dun apoio decidido das Administracións, co fin de poder ser editadas en condicións de igualdade competitiva.
6. O estímulo da lectura debe ser a orixe e principal esforzo dos poderes públicos. Este fomento debe centrarse na creación de hábito lector a partir da escola e no apoio ao sector editorial e libreiro.
7. É imprescindible a implicación de todos os sectores que interveñen na cadea de valor do libro no diálogo coas Administracións públicas para conseguir políticas culturais eficientes. Constatamos e lamentamos que, nalgúns territorios, as políticas lingüísticas afectan negativamente á edición na lingua propia, e esiximos que isto se corrixa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email