Este venres, ás 18'30, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, Mamá Cabra subirá ao escenario para presentar o seu novo libro-disco-DVD, 'Bicos de música', terceiro traballo coa Editorial Galaxia despois de 'Ola, ola, la!' e 'Xa me tardan estes Magos'. Como nas tres ocasións anteriores, a ilustradora Kristina Sabaite é a encargada de lle poñer cor e arte ao apartado gráfico do libro.
En 'Bicos de música' atopamos a mellor Mamá Cabra, ritmos que se nos pegan con facilidade, tonadas festeiras que engaiolarán, de novo, aos miles de fans que polo país adiante esperan estes novos temas cheos de ilusión.
Nesta ocasión, a Editorial Galaxia contou coa colaboración inestimable da Televisión de Galicia quen, a partir deste sábado, e a diario, dedicaralle un tempo no seu popular e veterano Xabarín Club, ás cancións de Mamá Cabra, aos dez videoclips preparados magníficamente por Pórtico Audiovisuales e que van ser emitidos todos os días para que, pinga a pinga, os nenos e nenas de Galicia poidan ir coñecendo estas cancións que, en nada, saberán de memoria. Ao tempo, a TVG emitirá un programa que consiste no visionado completo dos dez videoclips, unha "película" que nos conta un día na vida dos Mamá Cabra, dende que se xuntan para ensaiar, ata que chega a noite e, arrolados polos Bicos de Música, ideais para espantar os medos, apagar a luz e durmir. Polo medio, toda unha sucesión de situacións cómicas que nos descubrirán uns artistas do celuloide de primeira división, porque os músicos de Mamá Cabra non só tocan e bailan de marabilla senón que, chegado o caso, tamén interpretan.
No noso blogue deixamos hoxe un adianto co primeiro dos videoclips, o titulado, precisamente, Presentación.
Agora, a cantar e a bailar. O plan é perfecto.