Ofelia Rey, premio María Josefa Wonenburger

Categoría: Nova

Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC, recibirá hoxe o premio María Josefa Wonenburger 2011, que concede a Unidade Muller e Ciencia de Galicia.
O pleno da Unidade Muller e Ciencia de Galicia valorou na súa designación a calidade, rigor e precisión da ampla produción científica de Ofelia Rey e a súa capacidade de abrir novas áreas obxecto de investigación, cunha obra que abrangue temáticas diversas, desde a historia social e económica ata a historia demográfica, das mentalidades ou da cultura, destacando as súas achegas ao coñecemento da historia das mulleres.
Para a presidenta da Unidade resulta especialmente salientable que este ano, por primeira vez, o premio María Josefa Wonenburger distinga a unha investigadora da área das humanidades, "unha designación coa que a unidade salda unha débeda histórica coas humanidades", segundo sinalou. As designacións nas catro edicións precedentes foron para investigadoras do ámbito das ciencias experimentais, Inmaculada Paz Andrade (Física), Teresa Miras Portugal (Farmacia), María Soledad Soengas (Bioloxía) e Carmen Navarro (Medicina).
Ofelia Rey, declarou estar "abrumada" por recibir este premio, que considera "unha oportunidade singular de recoñecemento ás humanidades". Destacou a contribución das investigacións neste eido ao benestar da sociedade, citando como exemplos algunhas das actividades que se benefician destes coñecementos, como a recuperación e conservación do patrimonio histórico, a producción editorial ou a aplicación das novas tecnoloxías á arte, aínda que, na súa opinión, "probablemente a comunidade non é consciente destas achegas das nosas investigacións".
A Unidade Muller e Ciencia instaurou o premio María Josefa Wonenburger para poñer de relevo as traxectorias investigadoras de mulleres, como unha iniciativa enmarcada no obxectivo xeral de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email