O xeito de pór música a Cunqueiro

Categoría: Opinión

Téñome achegado a Cunqueiro de mil maneiras, e en todas me deixei aloumiñar pola aura luminosa que a palabra desprende. Viñérame hai tempo a certeza de que As crónicas do sochantre tiñan música de seu desde o ritmo vertixinoso das primeiras páxinas. Tiñan máis música, as palabras mesmas, que o bombardino do sochantre e as alusións a Rossini. A partir de entón souben que a cadencia do verso e o ritmo da prosa son en Cunqueiro unha fonte de beleza permanente. Así que non foi difícil pór música aos seus textos, pois xa o poeta me daba a canle para a música. Se a creación é sempre persoal e subxectiva, non debemos contrariar o ritmo que a palabra posúe, a moldura inicial que nos conduce ás esferas do inexplorado. Mais os versos son ás veces oblícuos e irregulares, como é nesta experiencia nova que dei en chamar Haberá primavera, e iso requería tamén unha nova actitude melódica, rítmica e harmónica. Desde os primeiros versos da vangarda ás rupturas máis ousadas dos últimos anos, a música de Cunqueiro flúe como un río. Só hai que seguila e escoitar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email