No marco do Ano Castelao 2025, en Editorial Galaxia reafirmamos o noso compromiso coa difusión e estudo da obra dun dos grandes referentes da nosa historia cultural e política. Castelao continúa a ser unha voz necesaria, un alicerce de pensamento para o presente e o futuro.
Con este espírito presentamos Sempre en Galiza. Escolma posible, unha nova edición ao coidado de Henrique Monteagudo, con introdución de Xosé Manuel Dasilva. O volume dialoga coa histórica escolma realizada por Marino Dónega e publicada en 1964, cando a RAG dedicara o Día das Letras Galegas a Castelao. Daquela, as limitacións do franquismo obrigaron a ofrecer unha visión parcial. Agora, en liberdade, esta edición céntrase plenamente en Sempre en Galiza, o gran libro político de Castelao, e procura dar unha imaxe fiel e accesible do seu pensamento.
Trátase dun conxunto de textos de diversa índole mais unidos pola mesma pulsión: defender o carácter nacional de Galicia e o seu dereito ao autogoberno. A presente escolma busca achegar esa mensaxe a un público amplo, alixeirando redundancias e pasaxes de menor interese, sen renunciar á profundidade nin á autenticidade da obra.
A obra será presentada na Fundación Penzol o 24 de setembro, ás 19:30 h, nun acto no que intervirán Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Patricia Arias Chachero, codirectora da Biblioteca 75 Aniversario e conselleira de Editorial Galaxia; Xosé Manuel Dasilva, autor da introdución do libro; e Henrique Monteagudo, editor do volume.
En Galaxia temos ao dispor do lectorado un catálogo de publicacións do Ano Castelao 2025, un conxunto de títulos que permiten achegarse á súa figura desde múltiples perspectivas: a política, a artística, a ensaística, a histórica. Un convite á lectura, á reflexión e ao coñecemento dunha figura imprescindible.
Castelao sempre vixente. Porque o seu legado segue a interpelarnos hoxe. Invitámosvos a descubrir esta nova escolma e a acompañarnos na presentación, unha ocasión única para reencontrarse cun texto fundamental da nosa cultura.