O Hostal dos Reis Católicos recordará cunha placa os nenos da varíola

Categoría: Nova

Con motivo do lanzamento do libro Os nenos da varíola mañá, 14 de febreiro ás 11.30h, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, onde estaba a antiga inclusa do Hospital Real, realizarase unha homenaxe aos cinco nenos que de alí saíron para formar parte dunha das maiores xestas médicas da historia. Ás 11.30h terá lugar unha rolda de prensa e a descuberta dunha placa que recordará por sempre a Juan Antonio (5 anos e abandonado en Coristanco), Jacinto (6 anos e abandonado no torno da inclusa), Gerónimo María (7 anos e abandonado en Ferrol), Francisco Florencio (5 anos e abandonado no torno da inclusa) e Juan Francisco (9 anos e abandonado en Lugo). Nunha das portas do actual Hostal estaba o torno da inclusa que daba entrada á sala na que se descubrirá mañá unha placa que recordará por sempre aos 5 expósitos.
Julio Castro (director do Hostal), Francisco Castro (director xeral da Editorial Galaxia) e María Solar (escritora do libro que recorda esta xesta) estarán mañá ás 11.30h participando da rolda de prensa e da descuberta da placa.
Dende a pasada semana está nas librarías Os nenos da varíola, a nova novela da escritora María Solar. Nesta novela, a máis ambiciosa da autora, recupera un dos episodios máis incribles e descoñecidos da medicina mundial que ten como protagonistas a moitos galegos. En 1803 os nenos do hospicio da Coruña, dependente do Hospital da Caridade, sobreviven a duras penas. Nin eles, nin a súa reitora, Isabel Zendal, poden imaxinar de que maneira lles cambiará a vida a chegada do doutor Balmis e a súa expedición médica. O propósito era levar a vacina da varíola ao Novo Mundo. 22 orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para levar a vacina aos territorio de ultramar.
Unha novela sobre a nosa historia, baseada en feitos reais, que recupera un dos episodios máis descoñecidos e fascinantes da medicina mundial. Un libro de acción trepidante que non deixa indiferente, que está meticulosamente documentado e que combina personaxes reais con outros de ficción sobre os que recae boa parte da carga dramática.
En 1980 a OMS declarou o planeta Terra zona libre de varíola. Era a primeira vez, e de momento a única, que unha enfermidade se erradicaba grazas a unha vacina. A ninguén escapa a impostancia vital da Real Expedición da Vacina para a súa erradicación. A OMS recoñece tamén a Isabel Zendal, reitora da casa de expósitos da Coruña (nada en Ordes) como a primeira enfermeira do mundo en misión internacional, e o goberno mexicano outorga cada ano o Premio Nacional de Enfermaría que leva o seu nome.
A novela e o acto de mañá, xunto a outros que se farán, teñen como obxectivo devolverlles un pouco de memoria a estes heroes, ata agora anónimos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email