O esperado regreso de Magín Blanco

Categoría: Nova

Magín Blanco volve co seu novo libro-disco, publicado na colección Sonárbore de Galaxia, Caderno de cores e cancións, ilustrado por Sonia García. Este libro supón o regreso de Magín Blanco ás tendas de discos e librarías de Galicia logo duns anos de silencio.

Un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Esta proposta é unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas.

Sensibilidade e cor, son os elementos que caracterizan un traballo ateigado de valores, que convida ás lectoras e lectores a desfrutalo soas ou en compañía. Este álbum está pensado para que as nais e pais o compartan coa cativada, accedendo á fabulosa música de Magín Blanco a través dun QR que contén no interior.

Todas as cancións foron compostas por Magín Blanco e gravadas e mesturadas por Segundo Grandío en Casa de tolos. Os textos que preceden a cada canción foron escritos polos alumnos de primaria do CEIP da Carrasqueira, en Coruxo, Vigo agás o primeiro, que fixeron os usuarios de APMP ao remate dun obradoiro de cancións que con eles se realizou.

Ola amigos! Como estades? Nós estamos ben

Construíndo realidades e soños tamén.

Imos pasiño a pasiño percorrendo algún camiño que nos achegue ata ti.

 Así comeza a banda musical deste álbum que xa é unha realidade. A partir da semana que vén, chegará a todas as librarías de Galicia.

Magín Blanco é un músico galego nado na Rúa (Ourense) en 1960. Compositor, guitarrista e cantante, comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil, participando en moitos dos libro-discos da colección Sonárbore, como “María Fumaça”, “Rosalía Pequeniña”, “Pitusa Semifusa” ou “Xiqui xoque, fiú fiú!”. Entre as súas principais obras encontramos “A nena e o grilo nun barquiño”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email