O proxecto teatral e literario ideado por Os Quinquilláns e Editorial Galaxia a partir do Espantallo Amigo de Xosé Neira Vilas pecha esta mañá ás 18h no Salón de exposicións da Deputación Provincial de Lugo a súa xira polos auditorios e teatros de Galicia, onde chegou a 10.000 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos. Lalín, Carballo, Cangas, Silleda, Redondela, Ferrol, Ribeira, Vigo, O Pino, Compostela, Noia, Ponteceso, Salceda, Allariz, Ourense, Rianxo e Lugo foron algunhas das localidades polas que pasou este clásico da literatura infantil galega, que xa viaxou polos teatros de medio mundo e que á volta do verán regresará aos escenarios galegos, acompañada dunha edición especial do libro que lle dá orixe.

A historia de xenerosidade ideada por Xosé Neira Vilas está contada, na versión teatral de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, polos nenos que no seu día conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos en home e muller, queren facer unha montaxe teatral que explique o sucedido. Acompaña a representación teatral unha versión impresa ilustrada por Xaquín Marín que o público leva consigo, para continuar os momentos de risa e reflexión vividos no patio de butacas coa lectura demorada na casa.

O proxecto ofrece un traballo transversal que lles permite aos espectadores-lectores comprender as relacións entre as distintas linguaxes artísticas e que colleitou un grande interese entre o profesorado galego.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR