"Hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade". Deste xeito, o pasado venres, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Alfonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Alén do acto institucional, xa está dispoñible na rede a aplicación para dispositivos móbiles elaborada polo CCG e a Editorial Galaxia que contén o texto completo enriquecido con contidos adicionais.
A dimensión cultural e política tanto de Sempre en Galiza como do seu autor, Alfonso R. Castelao, destacouse nun acto de gran valor simbólico que tivo lugar na Salón dos Reis do Parlamento de Galicia. Alí procedeuse á lectura de fragmentos da obra, así como da súa explicación. Ramón Máiz, Justo Beramendi e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, interviñeron para darlle unha visión actual do significado da obra de Castelao. Canda eles, diferentes personalidades como Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López, Xesús Palmou ou Margarita Ledo, entre outros, leron diferentes fragmentos breves da obra de Castelao. Ademais, exhibiuse unha mostra de varias lecturas realizadas por persoeiros que viven fóra de Galicia e que quixeron contribuír coas súas gravacións á difusión da obra. O acto foi presentado pola xornalista María Solar, mentres que a actuación musical correu a cargo do trío InVento.
Accións divulgativas
Desde hoxe, os sitios webs do Consello da Cultura Galega poñen a disposición dos usuarios unha aplicación para dispositivos móbiles (Apple e Google Android) que consiste na edición dixital aumentada do texto. O Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, elaboraron unha app que contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como os estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
Ademais, coa intención de contribuír a un mellor coñecemento da obra, solicitáronse lecturas de Sempre en Galiza a personalidades galegas e non galegas, que viven fóra de Galicia. Entre os persoeiros que enviaron os seus textos destaca Miguel Cabanela, prestixioso traumatólogo; Nadia Calviño, directora xeral de presupostos da Comisión Europea; Francisco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.
Os setenta anos dun fito
A primeira edición de Sempre en Galiza presentouse o 2 de xullo de 1944 no salón do Prince George´s Hall de Bos Aires. Foi no marco dun banquete de homenaxe que a colectividade galega lle brindou a Castelao. Alí estaban Rodolfo Prada, Manuel Puente ou Xosé Abraira, entre outros, nun acto que xuntou a 1.500 comensais. O presidente do Consello da Cultura Galega lembrou no seu discurso que "aquel banquete merece ser recordado porque aquela xente quixo facer un acto de afirmación no ideal político que representaba o primeiro dos exiliados galegos nunha cidade chea de emigrados".
A actividade na traxectoria do Consello da Cultura Galega
A celebración desta homenaxe a unha obra e a un autor como son Sempre en Galiza e Castelao non é un feito illado dentro da traxectoria do Consello da Cultura Galega. Sitúase nunha liña de traballo do CCG de ocuparse da Galicia do exterior. Nesa estratexia encádrase a edición do poemario Pranto Matricial que Valentín Paz andrade dedicou á memoria do "irmán Daniel". Actividade que terá continuidade en novembro deste ano coa celebración dun simposio que conmemorará o setenta aniversario da creación do Consello de Galiza.
Ramón Villares destacou na súa intervención o valor engadido que ten a celebración para o Consello da Cultura Galega. "O trazo máis íntimo da institución, aquela que está representada na súa imaxe corporativa, ten claro ecos de Castelao" pero non só aí, senón tamén no nome propio da entidade, xa que "consello era unha palabra moi amada por Castelao e polo galeguismo do exilio para designar institucións representativas do autogoberno galego".