O compositor Rogelio Groba recibe o Premio Cultura Galega de Música

Categoría: Nova

O compositor Roxelio Groba foi distinguido onte pola Xunta de Galicia co Premio Cultura Galega de Música. Recentemente publicamos a súa obra 'Once baladas galegas. Versións sinxelas para piano' e antes de fin de ano publicaremos, da man de Manrique Fernández, 'Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba'.

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2011 determinou na reunión celebrada onte na Cidade da Cultura de Galicia os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do traballo creativo da nosa comunidade e a súa expansión no exterior nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.
A sesión de deliberación estivo presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contou coa participación como vogais institucionais do director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Ramón Durán; o vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel José Fernández Iglesias, e o membro da Xunta de Goberno da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Ramón Yzquierdo Perrín. Como membros do xurado designados pola Consellería de Cultura e Turismo tamén participaron na xuntanza Miguel Fernández Cid, Natalia Lamas, Isabel Aguirre e Carmen Castro Pombo.
A relación de premiados é a seguinte:
– O escritor lucense Arcadio López Casanova é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria e á súa extensa produción en lingua galega e castelá.
– O escultor cambadés Manolo Paz recibe o premio Cultura Galega das artes Plásticas polo seu traballo creativo, a forza das súas creacións e pola nova mirada que fai sobre as tradicións.
– O premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae no dramaturgo Quico Cadaval, en recoñecemento ao seu traballo en prol do impulso e constante actualización do teatro galego e á súa labor como director.
– A Fundación ‘Aquae Querquennae’ resulta distinguida co premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, polo traballo desenvolvido no xacemento ‘Aquis Querquennis’, situado en Bande e que ten como finalidade a posta en valor dos recursos naturais, etnográficos e turísticos.
– O premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece a Carlos Núñez por ter feito da gaita un extraordinario instrumento para a expresión e difusión da cultura galega dentro e fora das fronteiras da comunidade autónoma.
– O compositor Rogelio Groba recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa extensa traxectoria e por ser un dos máis prolíficos compositores galegos e pola enorme relevancia do seu traballo compositivo.
– O premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á actriz María Pujalte en recoñecemento á súa importante carreira profesional desenvolvida no cine, na televisión e no teatro.
Con esta decisión, o xurado distingue a persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do noso capital intelectual. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio.
Coa convocatoria dos Premios da Cultura Galega 2011, a Consellería de Cultura e Turismo pretende distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión deste capital intelectual, na propia comunidade ou para o mundo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email