Novidades na Biblioteca 75 aniversario de Galaxia

Categoría: Nova

Con motivo dos seus 75 anos de historia, Editorial Galaxia lanzou a Biblioteca 75 aniversario, unha colección que recupera obras fundamentais da nosa literatura e cultura. Son títulos que, en tempos de censura e escuridade, supuxeron unha renovación do panorama galego e que hoxe se ofrecen de novo ao lectorado coa vontade de seguir iluminando o noso presente.

Estes son os títulos que acaban de chegar e engrosan a lista da colección:

No lindeiro do bosque. A tradución nos primeiros anos de Grial, con introdución e escolma de Tamara Andrés e Ana Luna Alonso

A tradución na revista Grial como ferramenta para poñer en valor o galego como lingua válida para todos os xéneros. Voces como Italo Calvino, Christina Rossetti, Ezra Pound ou Nelly Sachs chegan á nosa lingua neste volume.

Lonxe de nós e dentro e outras páxinas, de Camilo Gonsar, con introdución de Antía Yáñez

Publicado en 1961, o debut de Camilo Gonsar é un clásico da modernización narrativa: relatos que exploran o absurdo da existencia, a alienación e o baleiro da vida urbana.

Dar voz ao teatro galego. O premio Castelao de teatro 1964-1967, con introdución de Cristina Domínguez Dapena

Tres pezas gañadoras das primeiras edicións do Premio Castelao de Teatro: Cando morren os farois, A revolta e Un hotel de primeira sobre o río. Teatro comprometido coa lingua e coa cultura.

Sempre en Galiza. Escolma posible, de Castelao; en edición de Henrique Monteagudo, e introdución de Xosé Manuel Dasilva

Unha nova escolma centrada en Sempre en Galiza, obra clave do pensamento político galeguista. Un volume que achega o legado ideolóxico de Castelao a novas xeracións.

Antoloxía do conto galego de tradición oral, de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey, con introdución de Antonio Reigosa, e ilustracións de Agustina Shuan

Selección de contos de tradición oral galega: marabillosos, realistas, de animais e de burla. A sabedoría popular transmitida de xeración en xeración, agora en nova edición ilustrada.

Unha colección que busca seguir iluminando a nosa identidade e enriquecendo o diálogo cultural.

Comparte nas túas redes sociais ou por email