Novidades con moita música

Categoría: Nova

Nas últimas semanas a nosa editorial tirou do prelo un mollo de novidades estrictamente musicais (e poéticas, e de lecer) conscientes como somos de que todas as artes son irmás e de que algunhas propostas se complementan mellor se van da man dun pentagrama axeitado.
Así, para os máis pequechos, publicamos 'Xa me tardan estes Magos!, novo libro-disco de Mamá Cabra que, en moi poucas semanas, esgotou espectacularmente a súa primeira edición. Nesta obra, acompañada como é normal cun CD de música, a propia Gloria Roel, cantante do grupo, atrévese a compoñer letras canda o resto dos poetas participantes, a asber Antón Cotizas, Gloria Sánchez e Antonio García Teijeiro.
Por outra banda, e para os amantes do folk, andamos presentando polo país adiante, a primeira biografía oficial dese grupo referencial que é Berrogüetto e escrita polo xornalista e crítico musical Fernando Neira baixo do título 'Berrogüetto. O pulso da terra'. Este libro vai acompañado dun CD e un DVD que recollen o concerto de celebración deses tres lustros de fecunda historia musical.
Máis recentemente, veñen de entrar no almacén, e xa están nas librerías, dúas propostas poéticas que teñen moito que ver coa música. Ou, de se querer, dúas propostas musicais que teñen que ver moito coa poesía.
En primeiro lugar, e dentro das distintas publicacións que a nosa editorial ten asumidas relacionadas con Ano Cunqueiro, editamos o libro-disco 'Haberá primavera. Catorce Poemas. Catorce cancións' de César Morán e no que o músico interpreta trece poemas de Cunqueiro (máis un do propio Morán) abeirado a importantes colaboracións como pode ser Uxía Senlle. O libro edítase con dous CDs, un cos temas musicados e outro que recolle a derradeira entrevista concedida por Álvaro Cunqueiro, semanas antes de morrer, precisamente ao propio César Morán.
Ao tempo, chega aos andeis o libro-disco de Xosé Carlos Caneiro, 'Despois de ti, a chuvia', unha colectánea de versos que veñen acompañados dun CD nos que o músico Emilio Rúa demostra o poder evocador da poesía do de Verín.
Finalmente, estes días está prevista a entrada no noso almacén de 'Diábulos in música', o libro de conversas con Rogelio Groba e escrita por Manrique Fernández. O libro, tamén, inclúe un CD cunha selección ampla e variada de pezas musicais feita polo mestre Groba.
‘Diabolus in musica’ é un libro de conversas que repasa a súa vida, os seus afáns como músico, a súa visión do mundo e da cultura. A función da música na sociedade, a figura do director de orquestra, a educación musical, a súa estadía en Suíza e a relación do compositor coa súa Terra.
Xa que logo, un feixe de bos libros nos que literatura e música viaxan unidas directamente dende a sensibilidade dos creadores aos nosos corazóns.

Comparte nas túas redes sociais ou por email