Estes días está chegando ás librerías de todo o país unha nova edición da novela de Antón Riveiro Coello, 'Laura no deserto', que coñece, así, a súa terceira impresión. A pesar de que saiu no ano 2011, a novela segue a turrar do interese de novos lectores e lectoras que acuden ás librerías a mercar un libro que xa conqueriu, tamén, os máis importantes premios do país.
Boa mostra do interese espertado por esta magna obra de Riveiro poden ser estas verbas que no seu día se escribiron no blogue Trafegando Ronseis, nada máis sair a obra: "Antón Riveiro Coello consegue esa maxia que procuro nas miñas lecturas: deitarme canda os personaxes para seguilos soñando, levalos comigo preocupándome polos seus próximos pasos, acochalos no meu amparo para salvalos dun sufrimento seguro, preocuparme polo seu futuro inmediato. Seguir lendo e lendo, chea de nervios, para saber que vai ocorrer. Non poder deixar o libro e levalo comigo coma unha parte máis do meu corpo".