Entre as novidades que Galaxia anuncia para este outono figura unha edición ilustrada por Diego Estebo de Que me queres, amor?, de Manuel Rivas.
A piques de entrar na imprenta, este libro, publicado na colección Xohán Ledo, celebra o 25 aniversario da súa primeira publicación cunha versión moi orixinal. O autor, abeirado polas cores e o universo creativo do ilustrador, ofrécenos unha obra completamente diferente, na que podemos obter novas lecturas. Esta xoia literaria atesoura dezaseis narracións que enxergan o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco.
Atopámonos ante un dos libros máis recoñecidos de Rivas, formado por un conxunto de relatos que rescatan a grandeza do pequeno. Manuel Rivas ofrécenos unha interpretación lírica, dura e delicada á vez, dun país habitado polo tempo e por xentes que reclaman o seu dereito a ter unha historia que contar. Un libro de extrema sensibilidade, que contén os contos que foron levados ao cine no filme A lingua das bolboretas.
Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, este libro de relatos de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) supuxo, no seu momento, a súa consagración definitiva como narrador. Un orixinal universo literario que enxalza a grandeza do pequeno, e que en cada páxina garda un feixe de talento. Un libro do que só se poden esperar cousas boas.