“Non hai futuro! este lema ilustraba a comezos dos anos oitenta a rebelión xuvenil contra os grandes relatos que estruturaban o tempo. A recuperación do instante, o vivir plenamente o presente, permitía desembarazarse do mercado do rock, da hipocrisía social e das formalizadas eivas familiares.
Mais a forza do movemento xuvenil minguou e as súas formas perderon agresividade. A rebelión domesticouse entre os deseñadores de moda e a industria discográfica, pero quedou o fundamental.
Esa frase reflectía un sentido que a partir dese momento comezou a operar non tanto nas expresións estéticas ou ideolóxicas como nas condutas, nas que sibilina e prerreflexivamente se foi instalando, constituíndo unha mentalidade.
Ese lema, ainda que non o pronunciasen, inseríuse na mente dos políticos, que pouco a pouco foron reducinco o futuro nos seus discursos até restrinxilo ao curtopracismo electoral, pero sobre todo instalouse entre os financieiros que tomaron moi en serio unha das súas consecuencias:“quero máis e quéroo máis rápido” , como lexitimación fáctica da súa máxima de obter o maior beneficio no menor tempo posíbel.
A nova mentalidade estendeuse aceleradamente e con tanto éxito que o desinterese respecto do futuro foi xeral deixándoo nunha situación de indixencia. Os intereses e estratexias precipitáronse exclusivamente sobre o presente, complexizándoo até facelo incomprensíbel.
A fin o prezo de desentenderse do futuro é confusión xunto coa imposibilidade de dar cun relato que nos situe no presente, alterado polos narcóticos efectos dese perigoso coctel de punk e banqueiros.