Deixounos Francisco Domínquez, ex director da Fundación Penzol, quen fora dirixente do Partido Galego Social Demócrata e posteriormente do Partido Galeguista.
Nado en Ribeira (O Barbanza) en 1944, e finado en Vigo, o 31 de decembro de 2024, foi un galeguista convencido e de corazón; incorporouse ao movemento no ano 1965, da man de Xaime Isla Couto.
Domínguez foi refundador e secretario de Organización do Partido Galeguista entre 1978 e 1982. Ademais, tamén foi presidente da editorial SEPT e un dos impulsores da tradución da Biblia ao galego, así como accionista e conselleiro da Editorial Galaxia.
Naceu no seo dunha familia galegofalante. O seu pai foi outro dos mestres depurados tras da Guerra Civil como consecuencia da súa actividade política, e morreu cando Quico era moi novo, o cal fixo que tivese unha infancia dura.
Estudou e traballou simultaneamente, fixo o Bacharelato en Ribeira, e logo Peritaxe industrial en Vigo. Despois, en 1965, fixo Enxeñería Industrial en Bilbao. Alí, en Euskadi, colaborou activamente co galeguismo mediante a relación co Centro Galego de Barakaldo.
Tras volver a Vigo no ano 1970, exerceu a súa actividade profesional na empresa privada durante máis de trinta anos e posteriormente incorporouse á Universidade de Vigo (UVigo), da que era doutor.
Mañá, venres 3, celebrarase unha liturxia, ás 20 horas, na parroquia do Sagrado Corazón, igrexa da rúa Rosalía de Castro, 56, en Vigo.