O 18 de abril de 1923 nacía na Antía Cal na Habana, a onde os seus pais emigraran dende Muras. Volveu a Galicia coa súa familia de nena. Estudou o bacharelato na Coruña, despois de facer Maxisterio e estudos de Comercio, ingresará na Universidade de Santiago onde se licenciará en Filosofía e Letras (1945), especializándose en Xeografía. En 1955 viaxa a Xenebra e visita o Museo da Educación o que provoca un cambio de orientación na súa vida e unha nova mirada sobre os temas educativos. De novo en Vigo, traballa na preparación de O libro dos nenos. Enciclopedia pro neno galego, voluminosa obra publicada sesenta anos despois de ser conservada nunha caixa de zapatos.
A súa vocación pola pedagoxía influída pola descubertas desas anovadoras correntes educativas, levárona a crear no ano 1962 a Escola Rosalía Castro de Vigo. Fronte a ríxida escola franquista, o Rosalía foi pioneiro en moitos aspectos: unha escola laica, mixta, bilingüe, igualitaria, na que primaba o respecto ao alumno, como suxeito de dereitos, e cunha didáctica activa na que mestres, pais e alumnos participaban do proxecto pedagóxico. Unha escola inserida no entorno social, comprometida coa reivindicación da realidade e a cultura galega, e en contacto estreito cos novos movementos de renovación pedagóxica, coma a Escola de Mestres Rosa Sensat de Cataluña. No Rosalía impartíanse clases de galego os venres pola tarde e as aulas chamábanse polos nomes de figuras como Bóveda e Castelao.
O exemplo e compromiso incansable de Antía Cal foi recoñecido en 2012 pola Fundación Otero Pedrayo ao concederlle o Premio Trasalba e no 2015 recibiu o Ernestina Otero polo seu traballo a prol da Igualdade.
En 2018 a Editorial Galaxia publicou, con limiar do profesor Alonso Montero, o seu libro de memorias Este camiño que fixemos Xuntos. Co mesmo estilo narrativo con que contaba películas e comentaba a actualidade a un alumnado engaiolado, a metade de camiño entre un guión de cine e os contos ao pé da lareira, Antía Cal fainos percorrer o relato vital dunha muller galega do século XX. Nestas páxinas repásanse soños, proxectos compartidos, crónica dos amigos, lembranzas felices e momentos duros, mais sempre coa ilusión de quen sabe que o camiño é posible e moi fermoso para facelo cos demais.