Miles de persoas reafirman a vontade da lingua

Categoría: Nova

Mentres en Láncara se celebraban os actos da Real Academia Galega arredor da memoria de Ramón Piñeiro, as rúas de Santiago de Compostela enchéronse de manifestantes a prol da lingua, convocados dende hai días pola Mesa pola Normalización Lingüística, con proclamas e pancartas reivindicando o galego na escola, o dereito da sociedade galega a educar aos seus cidadáns no seu idioma e esixindo do goberno do PP unha política activa en apoio ao galego. As rúas de Santiago volvéronse encher de miles de paraugas.

En Láncara, lugar de nacemento do intelectual galeguista ao que este ano foi dedicado o Día das Letras, o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, apelou á figura de Ramón Piñeiro para falar dunha "lingua de todos" e comprometeuse a unha política integradora, "bilingüismo cordial" segundo as súas palabras, manifestando a súa vontade e a vontade do seu goberno de fortalecer unha acción positiva a prol do galego, aínda que "protexéndoo e afastándoo de calquera imposición". Acompañaba ao presidente unha ampla representación da Xunta de Galicia, entre outrras a presidente do Parlamento, Pilar Rojo, e varios conselleiros. Entre os asistentes estaban o alcalde de Láncara e o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, ambos os dous do PsdeG-PSOE.

O PsdeG-PSOE homenaxeou a memoria de Ramón Piñeiro no cimiterio de Boisaca, en Santiago. Pachi Vázquez, o seu novo secretario xeral, criticou as actitudes do PP respecto da lingua durante a recente campaña electoral, "causa primeira de todo este conflito", mais tamén tendeu a man "para intentar construir un necesario consenso".

A movilización popular nas rúas compostelanas non ten precedentes na historia da reivindicación social da lingua, segundo todos os observadores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email