Miguel-Anxo Murado, galardoado co premio Fernández Latorre

Categoría: Nova

O xornalista, escritor, guionista de cine e televisión e tradutor Miguel-Anxo Murado foi galardoado co Premio Fernández Latorre no seu 58.ª edición, en recoñecemento á súa «ampla e prolífica traxectoria».
A acta da reunión do xurado, que tivo lugar o pasado 16 de xuño, recolle que «o Padroado da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituído en Xurado para fallar o LVIII Premio Fernández Latorre, instituido en memoria do fundador de La Voz de Galicia acordou conceder por unanimidade o Premio Fernández Latorre na súa edición do 2016, dotado con 10.000 euros, a Miguel-Anxo Murado».
Miguel-Anxo Murado cubriu a guerra dos Balcáns e a Segunda Intifada Palestina e colabora habitualmente en medios de comunicación nacionais e internacionais. É comentarista de política española na BBC, The Guardian e New York Times e analista e articulista en La Voz de Galicia.
Nas páxinas do diario destaca pola súa dobre faceta como analista en temas de política internacional, cun enfoque certeiro e orixinal, e como xornalista literario de prosa límpida e humor sereno, tal e como mostra na súa sección Volta de folla, que se publica cada sábado na última páxina do diario.
Como escritor, é autor dunha obra consistente en máis dunha vintena de libros, tanto en galego como en castelán, na que tocou practicamente todos os xéneros: novela, relato, poesía, ensaio e teatro.
A entrega do galardón Fernández Latorre a Miguel-Anxo Murado terá lugar o último trimestre deste ano no marco dunha celebración que se desenvolverá nas instalacións de La Voz.

Comparte nas túas redes sociais ou por email