Toda viaxe encerra un camiño en permanente tránsito de experiencias, unha inquieta descuberta na procura do que a fotografía oficial non sempre retrata, unha volta á orixe para sempre que ten que ser reconstruída por nós, sen intermediacións, máis alá de álbumes familiares ou catálogos de intereseiro obxectivo turístico.
É por iso que toda viaxe como desprazamento físico é, asemade, interior, onde o eu pulsa o seu tempo e o precedente dos seus para facelos falar e, definitivamente, malia mancaren, facer parte deles.
O camiño, símbolo oteriano, e a viaxe á procura de si mesmo de
Adrián Solovio ímolo deslocar agora n’A Diagonal dos Tolos a unha pobre carreira contra reloxo que atravesa a Illa da Reunión.
No entanto, n’A Diagonal dos Tolos a viaxe non pode ser recreativa, nin apenas contemplativa dunha natureza sensitiva exuberante, senón que se converterá en máquina reprodutora, en toda a súa tensión ameazadora, do desafío humano fronte ao inmiscíbel cronómetro, ás trampas da orografía extrema, á ingobernábel climatoloxía no devalo das horas que se esgotan, ao descoñecido, en fin, dunha carreira lendaria, obxecto de mediática atención internacional, cuxo final é sempre incerto, pois non só nace do reto en gañala, senón de ser quen de chegar á fin con vida.
Porque a carreira que anualmente se celebra na Illa da Reunión, antiga colonia francesa en pleno Océano Índico, cuxo percorrido de 160 quilómetros cruzando a illa en liña oblicua debe realizarse nun prazo límite de sesenta e seis horas, é unha verdadeira proba de resistencia humana contra os mandatos da Terra e da Historia, coprotagonista principal, en que o tempo é vida nun territorio insular illado que ten moito que calar dun pasado colonial enriquecido ao pé do sistema escravista.
Con todo, sen o saber Pierre, a súa extrema experiencia física e mental convive en paralelo, baixo a sombra da diacronía, coa carreira do innominábel P., negro, escravo e fuxitivo corredor na procura da vida en liberdade.
Pierre e P. transitan un territorio de vinganza dobre, de onte a hoxe.
Pierre, obrigado a sobrevivir a esa diagonal en menos de cincuenta horas para poder gañar, por mandato testamentario, o dereito á propiedade da residencia familiar que o aferra aos tempos da infancia e da adolescencia de descubertas felices. P., escravo mutilado por diferentes intentos de fuga, foxe dunha cacería humana que imprime o certificado de pertenza de Pierre a unha xinea familiar de colonos franceses, expropiadores de recursos materiais e humanos
na illa.
Dúas carreiras en tensión na procura da liberdade, dous mundos vivenciais antagónicos que xunguirá a crioula Corinne, luz e sombra dun pasado tan silenciado como cruel no contorno de Paradis Dodo, a mansión familiar cuxa herdanza será o castigo póstumo, a última vinganza dun pai burgués, clasista e racista que se sente traizoado por un fillo quedesde mozo se negou a acatar as normas e o destino deseñado para el.
Pierre quere o botín económico que en xustiza cre pertencerlle, por iso acepta o reto da carreira, para se superar a si mesmo e demostrarllo, coma sempre, á alma dun pai despótico.
Pierre debe reconstruírse para superar o peso da mochila das lembranzas e dos medos dunha realidade familiar hostil que lle impide recuperar para si os afectos persoais de quen ousou rachar coas normas sociais preestabelecidas.
P. foxe, asemade, de si mesmo e dos outros, dos colonos e da tribo sometedora. El é o botín económico e o trofeo humano. Pésalle na fuxida o aro de ferro que leva no pescozo, mais é a Terra sabia a mellor aliada para a supervivencia incerta.
Dúas carreiras para o sufrimento en contornos temporais diferentes, a través de protagonistas individuais masculinos representantes do binomio colonizador-colonizado que, no entanto, poden ser lidos como almas da historia colectiva.
Dúas carreiras na procura da identidade sometida, roubada, escravizada.