Medio cento de produtos galegos de calidade

Categoría: Nova

De novo foi o Club Náutico de Vigo o lugar escollido pola nosa editorial para presentar un novo libro-larpeiro, neste caso, o escrito por Tomás Alonso e Víctor López, 'Onde mercan os Larpeiros' e que contou coa participación, canda os autores, do cociñeiro Benigno Campos, o director do programa, Xosé Cermeño, e Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia.
Abriu o acto este último, comentando que 'o territorio Larpeiros ten tantos seguidores que xa se convertiu nunha especie de rede social'. Acto seguido, fixo unha reflexión arredor da cociña e a súa importancia como definidora cultural, 'como un xeito de entender o mundo e a tradición'. Despois, gabou a nosa cociña, 'capaz de producir sabores tan gorentosos ao tempo que eficaces'.
Referíndose ao libro, o director xeral de Galaxia explicou que é un volume que 'quere pescudar os lugares onde se mercan os produtos galegos de calidade, produtos con selo de nós e que, dalgunha maneira, nos definen'.
Rematou a súa intervención agradecéndolle ás empresa que xenerosamente están a colaborar con nós cedéndonos produtos para elaborar os fermosos escaparates que adornan moitas librerías galegas arredor deste libro estes días.
Acto seguido tomou a palabra Benigno Campos, quen, falando de Tomás Alonso, definiu como 'o rei dos mercados', polo seu labor no programa e polo xeito en que se fai cos produtos para cada capítulo. Como Campos recoñeceu, 'a boa cociña empeza sempre nos mercados. En Galicia temos os mellores produtos do mundo sen ningunha dúbida, en peixes, froitas, agora os viños…' Falou tamén dos moitos escritores que teñen espallado a nosa cociña polo mundo adiante, como Cunqueiro e sinalou que este libro inseríase nesa tradición de divulgación para rematar cun rotundo 'todos os que amamos a cociña estamos obrigados a ler este libro'.
Xosé Cermeño centrou a súa intervención (tras un simpático 'bos días a todos os larpeiros e larpeiras'), comentando a singularidade deste libro, ao seu xuízo, residente no feito de que ademais de prestar atención aos ingredientes, os autores souberon centrarse tamén nas persoas que os producen, 'porque non hai uns bos grelos se primeiro non hai unha persoa que se encarga de plantalos e recollelos'.
Logo, centrándose xa no día a día do programa, celebrou a sorte de contar cun xornalista e comunicador como Tomás Alonso, 'que vai detrás das persoas con alegría', como Víctor López, tamén amante da ledicia que hai detrás do feito de sentar a comer xuntos e cantar.
Rematou o acto coas breves intervencións dos autores.
Tomás Alonso limitouse a agradecerlle a moita xente a súa implicación no libro, sinalando que sen os compañeiros e compañeiras da Produtora Faro o libro non sería posible. E rematou lembrando a amizade que o une a Víctor López e que 'este libro é tamén un libro para celebrar a alegría da amizade'. Para rematar, Víctor López comentou que unha das mellores cousas que o libro lle dera era a de 'permitirme saber que formo parte do mundo dos larpeiros' ademais de permitirme gozar de primeira man da gastronomía galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email