Matrimonio de conveniencia

Categoría: Opinión

Nestes días recibín unha mensaxe por internet que falaba do matrimonio dunhas nenas menores de dez anos musulmás con homes maiores de vinte anos, que resultou ser falsa, un dous moitos contos que percorren a rede, máis o peor, foi que tanto a min coma a moitas e moitos que recibimos o correo electrónico pareceunos verosímil, pois a situación de moitas mulleres non mundo é en verdade terrible.
A cantidade de abusos que as mulleres, xa de nenas sofren é tan extensa que non hai que agardar a unha noticia deste tipo para coñecer o papel que a muller ten en moitas sociedades que algúns consideran civilizadas e noutras que non o son tanto, e falo: do asasinato das nenas en China, da ablación en países africanos, da morte das mulleres novas que non teñen fillos na India, na imposición do veo e o burka, das mortes de rapazas novas no norte de México, e tamén das dificultades da meirande parte das traballadoras en moitos países europeos para conciliar a vida familiar coa laboral, así como de todo tipo de contínuas agresións debido á súa condición feminina.
O matrimonio como compra-venda, como signo de sometemento na sociedade patriarcal establece o papel da muller como obxecto de posesión, unha muller á que se constrúe socialmente pervertindo o seu verdadeiro papel como ser humano na sociedade. Nunha sociedade verdadeiramente libre deberían acharse novos xeitos de relación e cuestionar o valor do matrimonio como aglutinador dunha sociedade, na que ás relacións entre as parellas son produto dun tempo morto, e evidencian unha paisaxe humana ausente de contidos e reducida, cando o rol da muller constrúese a partir da dominación.
A estratexia para cambiar a sociedade, que agora é global, deberá consistir nunha reconfiguración da idea primitiva da muller como obxecto, como mercadoría, da que a sociedade se pode desfacer cando se rebela, cando planta cara. As agresións varían e actúan como interseccións que dificultan a vida das mulleres e a tornan violenta e caprichosa -no canto de que é vulnerable ao mandato masculino- e infantil -non chegan a ser nunca adultas responsables dos seus actos-, conformando unha sociedade caduca e cruel.
Só construíndo a partir da igualdade e o respecto, dende a educación das nenas e dos nenos poderán erradicarse eses comportamentos que anulan non só ás mulleres senón tamén aos homes como habitantes deste planeta.

Comparte nas túas redes sociais ou por email