O escritor e xornalista Alberto Ramos presentará a súa última novela, Máscaras rotas para Sebastian Nell, coa que gañou o Premio García Barros 2014, mañá xoves 12 de marzo ás 20h na Librería Biblos de Betanzos, na compaña do escritor, xornalista e libreiro Tucho Calvo.

Alberto Ramos traballa como xornalista freelance para medios de comunicación coma Luzes, Praza pública ou Sermos Galiza. Traballo que combina coa súa faceta literaria, que o fixo merecedor de varios premios: o Biblos Pazos de Galicia coa novela Dor pantasma, o de Novela por Entregas de La Voz de Galicia por Con acuse de recibo, o Vicente Risco de Creación Literaria con Todos os días e o Premio de Novela Manuel García Barros con Máscaras rotas para Sebastian Nell.

Trátase dunha novela que combina distintos tipos de escritura nos que a materia narrativa se une co xénero da entrevista.
Unha obra de grande orixinalidade na disposición do material narrativo e na caracterización do seu protagonista. Introdúcesenos nunha poderosa historia protagonizada por un actor inglés nas súas derradeiras horas; Sebastian Nell lembra os seus días, cheos de luces e sombras, diante dunha xornalista coa que mantén unha entrevista longa. Polo camiño vai aboiando todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e iras que tracexan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e do cinema.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR