Esta semana deuse a coñecer un adianto da quinta entrega do Barómetro da Cultura Galega que elabora anualmente o Consello da Cultura Galega a través dunha enquisa na que participan máis de 1000 xestores galegos aos que se lles pide que valoren o máis importante da cultura galega durante o ano 2022.
Salientamos que, no listado que elabora o CCG, nos 50 primeiros postos, só hai dous nomes relacionados coa literatura, e son dous autores do catálogo da Editorial Galaxia. Por unha banda, no posto 15, aparece o Premio Nacional de Narrativa outorgado a Marilar Aleixandre pola súa obra “As malas mulleres”. E no 48, o noso chorado Domingo Villar.
O primeiro posto está ocupado polos Eventos Culturais do Xacobeo/Camiño Santiago. A meirande parte das referencias teñen que ver con grandes festivais e fitas cinematográficas. Aleixandre e Villar introducen o elemento literario nesta valoración feita polo Consello da Cultura Galega.