O pasado sábado presentouse en Vigo, nun concerto coa familia María Fumaça case que ao completo, o libro-disco-DVD de mesmo nome, nunha Casa do Libro que quedou pequena diante da afluencia de público, familias enteiras, que quixeron vir coñecer este proxecto editorial e musical que gravita arredor dun cativo moi especial, Ruí, para quen un grupo de músicos e artistas quixeron unirse para facer unha obra multisoporte, coa música, o amor e a alegría como base, que serva para explicar que se hai alegría de vivir, a felicidade é posible.
Diante dun público entregado, interpretaron boa parte dos temas que integran o disco, e non quedou crianza, nin adulto, que non cantase e non choutase de alegría coas tonadas festeiras que se fixeron para nos alegrar na vida.
No noso blogue, deixamos unha completa fotogalería que vos dará a medida da festa que alí se viviu e que nos deixou, a todos, unha pegada inesquecible na memoria.