María Canosa

Categoría: Recensión

Todos coñecemos o título de Carlos Casares "A galiña azul". Pero… cantos aínda non o leron? Seguro que máis dos que imaxinamos, pese a que o libro xa se publicase por primeira vez no ano 1.968.
A galiña azul non só se reduce a unha sinxela escolma de contos. É un canto á amizade e ao amor. Un canto ás lembranzas de todas esas anécdotas e curiosidades que nos fan ser quen somos. En A galiña azul vive o desexo de non perder a ilusión e a esperanza, a capacidade de imaxinar e sorprenderse, de soñar. Un libro que fai reflexionar sobre o que é e o que ten que ser ou a sociedade agarda que sexa. Un libro de emocións e recoñecemento á identidade. Un libro nobre, aberto, cheo de valores a prol de transixencia, respecto e diversidade. Un libro, en definitiva, de carácter universal.
O primeiro volume para nenos deste autor, un mestre na descrición da realidade, que tivo que mirar o mundo desde os ollos dos pícaros, soñar con peixes, paxaros, formigas, inventar un idioma novo e deixar voar a música e os globos polo seu maxín. E todo isto para que os nenos puidesen ler libres, converterse en críticos do mundo e ser máis libres.
Recomendo a súa lectura polo necesario que é o exercicio de converternos en nenos de cando en vez para poder liberarnos dos prexuízos que viven en nós, e tamén pola mestría do traballo que realizou o autor para agochar nunha presada de contos, todo un ensaio da humanidade. Escribir para os máis novos precisa dun talento especial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email