Marga Romero

Categoría: Recensión

A esfinxe de Amaranto é unha novela que mostra unha vez máis o dominio da técnica narrativa do seu autor, Ribeiro Coello, que deleita co seu estilo literario e coa riqueza lingüística que sempre o caracteriza. Unha novela de amor, simbolizada na planta do amor eterno, o amaranto. Un amor vivificado en cada unha das personaxes femininas que arrincan do mesmo estripeiro exótico e enigmático: o Amaranto, un portugués que asenta o seu pasado da colonia de Macao nas terras do Couto Mixto. Amor que vai vestindo roupaxes de segredos, remorsos, culpas e vinganzas, gardado pola esfinxe que xorde en forma de bolboreta de porcelana nas mans do xigante de Magarelos, que vai escachar como o interior de Rosa, unha rapariga de 12 anos, cómplice e vítima, dun amor posesivo que mata. Esfinxe que o verdugo encola e que Rosa vai transmitir como os seus segredos nunha derradeira cea. Bolboreta curada símbolo do actuar de Rosa, que non dubida en sacrificar a súa dignidade, nin en se valer da mentira e dos silencios para manter e vivificar o amor que comparte con Nicolás. Esfinxe que tamén é buguina branca, labirinto ou espiral.

A espiral ou labirinto da buguina móvese entre dous espazos: o da casa de Tosende, a cantina do Amarante, no territorio do Couto Mixto, e o da casa construída por Nicolás e Rosa na aldea do Vilar, no Barbanza, polo cádrante das sereas.

É tamén A esfinxe de Amaranto un regreso ao Couto Mixto, universo literario do autor, entre a Serra do Larouco e o Cebreiro, arrolado polo Río Salas que vai ao Lima, e cos enigmas da Serra da Pena, onde tamén regresa na súa derradeira alucinación Rosa na espiral da buguina. Como a personaxe de Rosa, Verónica, e tamén Ribeiro Coello, asume interiormente unha terra coa que vai tecendo íntimas raigames, implicación persoal coa xenética e coas e cos maiores que habitaron esas terras, escribir para inventar ese pobo que falta. Compromiso para que non se perda a toponimia co derradeiro vello asmático da aldea, para que non se perda unha fala tecida nas lareiras. Compromiso o de Ribeiro Coello co seu Couto Mixto, territorio literario dos soños apátridas. Compromiso coa estética que unha vez máis se fai gozosa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email