Mañá en Santiago presentamos 'Globalización e imperialismo cultural'

Categoría: Nova

Será mañá martes, ás 20 h, na librería Couceiro de Compostela, e ademais de Manuel Outeiriño, van intervir Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Antón Figueroa, catedrático de Literatura Francesa na Facultade de Filoloxía da USC.

No libro participan algúns dos ensaístas de maior prestixio internacional verbo do fenómeno da globalización: Martin Albrow, Arjun Appadurai, Alex Callinicos, Jörg Dürrschmidt, John Eade, Fred Halliday, Ulf Hannerz, David Held, Peter Marcuse, Herbert I. Schiller e Neil Washbourne.

Nun mundo no que os medios de comunicación e o trafego cultural más celérico facilitan a posibilidade dunha "cultura global", dunha cultura tecnificada, mercantil e homoxénea, e dunha "industria cultural global" que se podería concibir —tal como escribe Manuel Outeiriño no limiar— como unha "nova tradición" mercantilizada, a do "folclore do capitalismo", é fundamental levar a cabo unha reflexión crítica sobre este fenómeno. No libro 'Globalización e imperialismo cultural' realízase esa crítica, que é a crítica do tópico do que se difunde co nome de globalización cultural, nome baixo o que, realmente, o que se difunde e imita é a cultura mercantil corporativa estadounidense e a produción e xestión cultural ao xeito corporativo das multinacionais.

Como apunta o compilador e tradutor no prólogo, "cómpre lembrar que o que no século XX adoitou chamarse ‘cultura de masas’ ten relación coa difusión dalgúns elementos patrimoniais das culturas hexemónicas, pero desartellados e descontextualizados […], cultura de masas que […] consiste na substitución ou representación alterada das culturas populares". Dese xeito, "a cultura que se impón é a […] cultura-ideoloxía do consumo, que conta para a súa imposición e mantemento (quere dicir, para funcionar hexemónicamente) cun modelo de medios de comunicación de masas no que salienta a televisión e que se imita ou importa das industrias corporativas do audiovisual estadounidense".

O discurso da globalización é, en moitos casos, o discurso da utopía planetaria capitalista que pretende evitar a validez do termo imperialismo para analizar a actualidade. de aí que a finalidade do libro 'Globalización e imperialismo cultural' sexa contrastar a utopía do corporativismo transnacional mediante oito achegas críticas significativas de estudos sobre globalización realizadas a partir do legado do pensamento socialista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email