Para celebrar a inauguración da IV edición da Escola de Letras, hoxe, mércores 1 de marzo, ás 8 h, abriremos a matrícula do Obradoiro de Poesía, da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, con Marta Dacosta, en Vigo.
As sesións celebraranse os días 7 e 14 de marzo; na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo (Rúa Eduardo Chao, 17), en horario de 18 h a 20 h.
Só estará aberta a matrícula para este obradoiro. Para os vindeiros, abrirase o prazo de inscrición durante o transcurso da edición.
Marta Dacosta debuta na Escola ofrecendo ao alumnado, neste taller, a oportunidade de aprender máis arredor do proceso de creación, o impulso da escrita, revisión e fixación do poema.
A través de xogos creativos, e a poesía oriental como procedemento para controlar o proceso creativo, todas as persoas participantes poderán incidir máis no proceso individual e colectivo que abrangue a creación poética. As persoas participantes elaborarán un poema a partir dun elemento elixido por elas mesmas.
O alumnado inscrito deberá levar ao obradoiro un libro de poesía en galego que sexa importante para elas e unha fotografía familiar que teña significado.
Marta Dacosta (Vigo, 1966) comezou a publicar poesía na década de 1980, a través de colaboracións en diferentes revistas. O seu primeiro libro publícouse en 1993. Recibiu o accésit do premio Esquío e os premios González Garcés, Martín Codax, O Figurante e Johán Carballeira, entre outros. A súa obra foi recollida en antoloxías e traducida a varias linguas, sendo musicados algúns dos seus poemas ou incorporados a proxectos teatrais. Entre a súa obra poética destacan: Crear o mar en Compostela, Pel de ameixa, Setembro, En atalaia alerta, As Amantes de Hamlet, Cinsa, Acuática alma, Argola, Dun lago escuro, Na casa da avoa e Labirinto ou memoria.
Para formalizar a matrícula é imprescindible enviar un correo electrónico a escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando:
-Nome completo da alumna/o.
-Correo electrónico.
-Número de teléfono.
-No ASUNTO e no CORPO do correo hai que sinalar o obradoiro,no que se quere un matricular.
Cada unha das peticións formalizaranse por estrita orde de chegada. Os obradoiros constan de quince prazas cada un; haberá unha lista de agarda para cubrir posibles baixas de matriculados. Terán preferencia as persoas que non participaron na Escola anteriormente.
Dende a Editorial Galaxia e a Deputación de Pontevedra, abriremos durante estes meses o período de inscrición para os vindeiros cursos. Anunciaremos as datas de matriculación dos mesmos a través da nosa páxina web e redes sociais.
OBRADOIRO LITERARIO EN VIGO CON ESTHER CARRODEGUAS
Días: 3, 10, 18, 24, 31 de maio
OBRADOIRO DE POESÍA EN PONTEVEDRA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Días: 3 e 10 de maio
OBRADOIRO LITERARIO EN PONTEVEDRA CON DIEGO GIRÁLDEZ
Días: 12, 19 e 26 de setembro; 2, 9, 16, 23, 30 de outubro
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades.