Cúmprense cen anos do nacemento de Luís Seoane en Buenos Aires, fillo de emigrantes galegos. Celebramos os nacementos, non as defuncións. Unha das figuras máis sobranceiras da arte contemporánea e da creación galega en xeral: editor, poeta, autor dramático, escenógrafo, ilustrador, pintor, deseñador gráfico, xornalista, radiofonista, empresario, planificador cultural, narrador, ensaísta, estratega, soñador… Luís Seoane é unha das personalidades máis completas, ricas, poliédricas da nosa cultura. Un dos grandes personaxes da Galicia do século XX.
"Luís Seoane entre dúas culturas" (a americana de Buenos Aires e a galega) é o título do número 186 da revista GRIAL, coordinado nesta ocasión polo profesor Ramón Villares, membro do consello da redacción da revista e presidente do Consello da Cultura Galega. Con el colaboran Silvia Dolinko, doutora en Historia da Arte pola universidade de Buenos Aires, e Xosé Díaz, deseñador gráfico.
Galicia vén celebrando este ano o centenario do nacemento de Luís Seoane cunha serie de actividades, promovidas polo Consello da Cultura e polas tres universidades galegas, xunto coa Xunta de Galicia (Consellería de Cultura) e diversas institucións financieras e empresariais do país. Tal evento contempla unha serie de congresos monográficos, exposicións e seminarios que poñen en valor a figura do artista tanto en Galicia como en América. Para a cultura arxentina, Luís Seoane é un dos grandes creadores do seu país, con obra pública moi importante, entre outras producións os murais do Teatro San Martín.
GRIAL súmase con este número ás celebracións e estudos arredor da personalidade e a obra do artista, así como sobre as relacións entre as distintas pólas do galeguismo despois da guerra civil española (1936-1939). O profesor Villares aborda específicamente esta cuestión: "As relacións de Luís Seoane cos galeguistas do interior (1946-1960)". Silvia Dolinko trata das relacións entre Seoane e cultura arxentina a través sobre todo da produción editorial, e Xosé Díaz recrea e informa sobre un dos capítulos máis interesantes da cultura galega contemporánea, a creación do Laboratorio de Formas, idea que nace entre os exiliados nos anos 50 e que se materializa no grupo Sada-O Castro-Sargadelos a partir de 1963.
A maiores, a cuestión da lingua reúne tres ensaios importantes, asinados por Henrique Monteagudo, Xacobe Bastida e Fernando Venancio, este último en portugués. No apartado da Música, Carlos Lema reflexiona sobre as formas da contemporaneidade a partir da obra de Elliot Carter, o profesor Jesús de Juana López reconstrúe a guerra da independencia en Galicia (1808) dende o punto de vista dos franceses, e Lluis Montoliu, doutor en ciencias biolóxicas pola universidade de Barcelona, achéganos ao mundo das células nai.
As seccións de Creación (Elvira Riveiro, Fuco Reyes), O espello das letras (crítica de libros), Crónica e Documentos complementan esta nova entrega de GRIAL. Revista Galega de Cultura.