Lembranza de Carlos Casares

Categoría: Opinión

Loitamos pola unidade da nosa Terra que é a Patria natural (…) e os inútiles para a guerra temos dereito a pensar en paz; este fragmento extraído do Sempre en Galiza, ben lle podería acaer a Casares. Pasaron 10 anos do pasamento e as cicatrices na paisaxe da miña memoria non mudaron. Foi dos que soubo pasar o facho nunha difícil carreira de relevos, sen a herdanza do odio e foi dos que sabía que escribir para nenos é facelo para seres intelixentes.. Non cadrei con el fisicamente moitas veces, mais tiña a sensación contraria. Eu, coma miles de lectores e lectoras daquela columna diaria, unha sorte de cartas de amizade, sabía do seu gato Samuel, do seu tren eléctrico, da afección ás motos, de personaxes que coñeceu, de xentes da Limia, dalgunhas decepcións e preocupacións, das súas viaxes… Dunha volta (1997) participou nuns encontros en Caracas. Eu tamén ía participar días despois e lía as súas novas con especial curiosidade: escribira sobre unha multa por estacionamento indebido, que consistiu en lle empapelar o parabrisas. O chofer e mais el houberon de raspar o  papel con Coca-cola. Semellaba unha divertida historia inventada. Cando chegamos a Caracas, puxéronnos o mesmo chofer e comprobamos que todo o que contara fora tal cal, a graza só estaba na maneira de expoñelo. Combinaba con mestría o rigor na exposición coa anécdota entrañable, non exenta de humor e mensaxe, que sabía elevar a rango literario.

Comparte nas túas redes sociais ou por email