Centenares de persoas tributaron na noite do venres unha homenaxe a Benxamín Casal, no salón rexio do Círculo das Artes, institución que presidiu entre 1979 e 1988 e que, xunto co Clube Cultural Valle-Inclán e a Editorial Galaxia, entidades das que tamén foi presidente, organizaron o acto. Pechouno a filla maior do falecido, Piliña, que dirixiu unhas palabras de agradecemento aos asistentes, acompañada de dous netos de Casal. Actuou como mantedor do acto o membro do Consello de Administración de Galaxia, Antón Vidal Andión. No acto non faltaron as máis destacadas personalidades da cultura e a política galega, entre outros, o expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez e o delegado do Goberno, Samuel Juárez.
Un dos que interviu foi Xulián Parga, que dixo que "só morren os que non deixan semente". Xulián Parga tomou prestada a cita de Uxío Novoneyra para glosar a Benxamín Casal no nome da familia e dos amigos do enxeñeiro agrónomo, político e intelectual galeguista lugués, falecido en agosto de 2013.
Interviñeron tamén Xesús Alonso Montero, pola Real Academia Galega; Ramón Villares, polo Consello da Cultura Galega; Xosé López Orozco, alcalde de Lugo, que propuxo outorgarlle o nome dunha rúa ao galeguista; e Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta.
Piliña, a viúva e compañeira de vida do protagonista do serán, as fillas, os xenros e os netos do matrimonio recibiron na cidade que foi o berce de Casal a calor e a lembranza dos lugueses e dos galegos que quixeron o seu home, o seu pai e o seu avó.
No noso blogue deixamos unha completa galería de fotos da xornada.