Lecturas para un outono literario

Categoría: Nova

Serán moitas as novidades que verán a luz neste último trimestre do ano deste outono que mañá comeza. Deste xeito, non haberá ninguén que non quede satisfeito por non atopar unha proposta de lectura á que lle apeteza meter o dente.
Sen pararnos a detallar agora todas as propostas, que iremos explicando nos días vindeiros, e por centrarnos na narrativa, a nosa editorial tirará en breve do prelo 'Laura no deserto', o regreso de Antón Riveiro Coello, e 'Contos da terra da tarde', de Bieito Iglesias.
Estas apostas literarias completan, no eido narrativo, o importante capítulo de traducións dos clásicos contemporáneos que vén sendo seña identitaria do noso selo editorial dende hai moito tempo. Así, na primeira semana de outubro sairá ao mercado a terceira entrega de '1Q84' , de Haruki Murakami. Igualmente, continuaremos coas traducións da obra do Nobel turco Orhan Pamuk con 'O libro negro'. Recentes, aínda, as publicacións de 'A verdade sobre Marie', de Jean-Philippe Toussaint, e 'C', de Tom McCarthy.
Nun apartado máis singular, a finais deste mes de setembro, a nosa editorial iniciará unha colección de Novela Gráfica coa publicación de 'Nómades' de Xosé Tomás, un mollo de relatos centrados na inmigración, concretamente na loita das mulleres que veñen canda nós buscar unha oportunidade a un occidente que non sempre é o que lles contaron que era.
E para rematar o Ano Cunqueiro, e como xa adiantamos noutras ocasións, a modo de musical e lírica homenaxe publicaremos o libro-disco 'Haberá primavera', no que César Morán pon música a catorce poemas pertencentes á última etapa do autor de Mondoñedo.
Un mollo de propostas para ir preparando o outono literario.

Comparte nas túas redes sociais ou por email