Recoméndovos a todos este libro de María Solar. Por que? As razóns son moitas. Primeiro, porque se trata dun libro fermoso. Fermoso pola coidadosa edición de Galaxia e fermoso polas ilustracións marabillosas de Xosé Tomás para contar as experiencias dunha pequena que está ante a situación tan ilusionante e tan preocupante para ela como é ter un irmán. E fermoso polo conto, pola historia en si. E dígoo porque a min mo parece e tamén aos meus fillos, que gozaron coas entrañables palabras recollidas neste texto.
Outra razón para recomendar este libro é a súa utilidade educativa. En 'Preescolar na Casa' levamos dende o ano 1977 tentando axudar aos pais e nais de Galicia na apaixonante tarefa de educar aos fillos e fillas. Tentamos ofrecer e amosar todos os recursos posibles para levar a cabo este labor. Este libro é un recurso educativo dos mellores.
Porque cando un neno ou una nena van ter un irmán (e despois, loxicamente, o teñen), aparece unha crise. E non pequena en moitos casos, xa que o "príncipe", o "rei" da casa é destronado. Aparecen os temidos celos, normais por outra parte. E para minimizar danos, nada mellor que prevelos. Unha boa mentalización do neno ou a nena que está a pasar por esta situación axudará moito. E aquí é onde entra o libro Vou ter un irmán!!!. Recomendable para tódolos nenos e nenas que van ter un irmán. Sempre se dixo, porque é verdade, que os contos e os libros nas primeiras idades axudan moito ao desenvolvemento dos nenos e nenas. Pois este libro prepara aos máis pequenos para unha situación que emocionalmente, para ben ou para mal, vainos marcar.
E, por suposto, léndolles este conto, estamos a introducir aos fillos no fermoso mundo da lectura e das palabras. Lerlles contos e contarlles historias é unha das mellores cousas que podemos facer por eles. Así que, volvendo ao principio, recoméndovos a todos este libro de María Solar, a todos, si, pero especialmente aos pais, nais e nenos que "van ter un irmán".