Inaugúrase, no IES Nº 1 da Estrada, a exposición dedicada a García Barros

Categoría: Nova

Merlín Comunicación, Grupo Editorial Galaxia, baixo o comisariado de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono, presentou, na mañá do xoves, a exposición: Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, no IES Nº 1 da Estrada.
Os comisarios, acompañados por Amalia Goldar, concelleira de Igualdade e Educación, e Beatriz Quintela, directora do IES Nº 1, inauguraron a mostra no centro, co obxectivo principal de dar a coñecer a figura e pensamento do escritor de Berres ás novas xeracións estradenses.
Esta exposición, que saíu á luz no mes de abril, coincidindo co 50 cabodano do pasamento do escritor, galeguista e labrego, Manuel García Barros (1876-1972), segue o seu percorrido polos centros educativos do Concello da Estrada. Con carácter informativo e didáctico, busca achegar, de forma sinxela e clara, a figura de Ken Keirades aos seus conveciños a través de 7 paneis que repasan os momentos máis significativos da traxectoria do autor conmemorado, acompañados de material gráfico da época.
Manuel García Barros. Mestre e labrego que naceu en 1876 en Berres (A Estrada) e morreu en 1972 en Callobre (A Estrada). Realizou estudos de Maxisterio. Foi fundador e director do xornal El Estradense  (1906). Asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticaciquís. Debido ás súas ideas galeguistas e progresistas, tivo problemas coa xustiza, chegando a ser encarcerado en varias ocasións, coincidindo na prisión de Pontevedra con Fernández del Riego en 1955. Da súa creación destacan a obra teatral Carta da Habana, estreada en 1926, Contiños da Terra (1931) e a novela As Aventuras de Alberte Quiñói, que rematou de escribir en 1942 e só vería a luz postumamente. Tamén a colección de relatos inéditos Enredos e a miscelánea autobiográfica Dos meus recordos foron publicados logo da súa morte, así como os libros de ensaio A pluma insubmisa (2019), o de artigos Estampas desde o val (2020), e a recompilación da súa poesía Sonoridade das auras (2022). Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email