Xa está distribuído nas librerías "O futuro é posible", libro de memorias políticas de Emilio Pérez Touriño, expresidente da Xunta de Galicia e exsecretario xeral do Partido Socialista de Galicia-PSOE. Editorial Galaxia presentará o libro, co autor e o ensaísta Ramón Maiz, hoxe xoves 22 de novembro, ás 19:30 h, no salón de actos do hotel Araguaney de Santiago de Compostela.
Emilio Perez Touriño (A Coruña, 1948) reúne en arredor de 480 páxinas semblanzas e información documentada da súa experiencia política, tanto como secretario xeral do PSdeG-PSOE dende 1998, posto no que substituíu a Francisco Vázquez, como na súa condición de presidente da Xunta de Galicia entre agosto de 2005 e marzo de 2009, ao frente dun goberno constituido polo PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego.
Este goberno, popularmente denominado o Bipartito (aínda que o autor en ningún momento do texto utiliza esta denomización), é o centro da reflexión e do relato, que se remonta ao proxecto socialista e galeguista que Pérez Touriño inicia coa súa chegada á secretaría xeral do PSdeG-PSOE, cargo que abandona logo do fracaso electoral do 2009.
En certa maneira é un libro de memorias políticas, que atinxen ese período (1998-2009), mais tamén un libro de ensaio e reflexión, mesmo de propostas concretas cara ao futuro, algo que lle dá sen dúbida unha grande actualidade.
A tese básica sobre a que se sostén o discurso do autor é que sen unha confluenza histórica entre a socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático non hai posibilidades ningunha de construir unha alternativa política crible diante da dereita (o Partido Popular).
¿En que medida o goberno bipartito ensaiou ou queimou ese camiño? ¿En que cousas acertou e en que cousas, en opinión do autor, fracasou?
Trátase dun libro moi esperado, no que o autor traballou cada unha das partes procurando documentar cada información, en moitos casos referida á organización interior dos partidos e, noutros moitos, explicando e informando de cuestións xerais, polémicas e debates, cuestións non sempre ben aclaradas, que sen dúbida han de interesar aos lectores e lectoras.
No título do libro, o autor fai unha aposta de futuro e abre un debate de ideas que se desenvolve sobre todo na parte final.