Hoxe comeza o congreso 'Mil e un Cunqueiros'

Categoría: Nova

Coa conferencia "As miñas lecturas de Cunqueiro" o escritor e exministro de Cultura, César Antonio Molina, abrirá hoxe, mércores día 28 o congreso internacional "Mil e un Cunqueiros", organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coas tres universidades galegas para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). A sesión celebrarase ás 10 horas no salón de actos do CCG inmediatamente despois da inauguración oficial presidida polo titular da institución, Ramón Villares, xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o Reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, e Francisco Durán e Manuel Fernández Iglesias, vicerreitores das Universidades de Santiago e Vigo, respectivamente. O congreso, acto culminante do "Ano Cunqueiro" organizado polo CCG, prolongarase ata o sábado 1 de outubro con sesións en Compostela, A Coruña e Vigo para acoller nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións.

Logo da conferencia inaugural, intervirá Thomas Harrington, de Trinity College de Hartford-Connecticut (EE.UU.), que falará sobre "Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?"

Ás 13 horas está prevista a primeira mesa redonda ("Achegas á biografía cunqueiriana") coas intervencións do escritor Xosé Luís Franco Grande e Rexina Vega e Xosé M. Dasilva, profesores da Universidade de Vigo.

Á primeira sesión de comunicacións terá lugar ás 16:30 horas e seguirálle ás 18 horas a mesa redonda "Cunqueiro e os medios de comunicación" na que serán relatores Miguel Somovilla, director de comunicación da Real Academia Española, e os profesores Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela). Ás 19:30 horas Anxo Tarrío, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, dictará a conferencia "Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística", coa que rematarán as sesións da primeira xornada.

Comparte nas túas redes sociais ou por email